A Asociación AGORA renova o equipamento informático e mobiliario co fin de mellorar as terapias e actividades que presta nos seus recursos

Co fin de mellorar os seus programas e servizos, a Asociación AGORA de Persoas con Discapacidade da Comarca de Lemos, entidade membro de COGAMI, acaba de adquirir mobiliario novo para o centro, equipamento dixital e equipamento informático destinados ao equipo de profesionais para desenvolver o seu traballo diario coas persoas usuarias.

Para a adquisición deste equipamento, AGORA contou co apoio da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF que proveñen  do recadro 106 de Actividades de Interese Xeral para Fins de Carácter Social, máis coñecida por X Solidaria.

Entre o material renovado, está a adquisición de varios ordenadores de sobremesa, 2 armarios para almacenaxe, unhas gafas de realidade virtual, un encerado dixital e unha vídeo consola, equipamento novidoso que permitirá promover novas metodoloxías de traballo na atención ás persoas usuarias e novas terapias.

“O uso das novas tecnoloxías aplicado ás terapias en persoas con discapacidade permite experimentar novas formas de atención e participación social”, explica o

presidente de AGORA, Isaac Rodríguez, quen continua declarando que “para entidades como a nosa é moi importante a contribución da sociedade que marca o recadro de actividades de interese social porque facilítanos mellorar os nosos programas e recursos.

Con este novo equipamento, poderanse traballar terapias específicas de xeito transversal nas áreas de psicoloxía, fisioterapia, terapia ocupacional, traballo social e logopedia. A través da realidade virtual promoverase o adestramento das persoas en situacións cotiáns para ter maior autonomía e habilidades sociais.

Galería de imaxes

Todas