A asociación Algaria denuncia o abandono do servizo 065 na provincia de Ourense

A asociación alerta da denegación reiterada do transporte a persoas con mobilidade reducida por falta de medios dende o pasado outono.


A Asociación de Persoas con Discapacidade da Comarca da Limia (ALGARIA) denuncia o abandono do servizo de transporte adaptado 065 na provincia de Ourense, unha situación que se vén producindo dende os meses de setembro e outubro e que está a deixar sen alternativa a persoas con mobilidade reducida.

Segundo explica o presidente da entidade, Óscar Pena García, “cando as persoas usuarias solicitan o servizo ocasional estalles sendo denegado de maneira recorrente, alegando a falta de medios suficientes para cubrir a demanda existente”.

Ata o momento, ALGARIA recibiu ducias de queixas procedentes de persoas usuarias do 065, que empregan habitualmente este transporte para acudir a citas médicas, en maior medida. Cando o servizo é rexeitado, vense obrigadas a recorrer a un taxi ou a depender dun familiar para desprazarse, ao non existir alternativas de transporte público adaptado, unha carencia especialmente acusada no ámbito rural.

As incidencias están a producirse en diferentes puntos da provincia, tanto en O Barco de Valdeorras como nos concellos de Ribadavia, A Limia e mesmo na cidade de Ourense, o que evidencia que "non se trata dun problema puntual, senón dunha situación xeneralizada", indican dende Algaria. 

O procedemento establece que a solicitude do servizo debe realizarse cunha semana de antelación e, tres días antes do desprazamento, o 065 contacta coa persoa usuaria para confirmar a concesión. Segundo denuncia a asociación, esta confirmación está a transformarse en negativas sistemáticas.

Desde Algaria reclaman unha solución inmediata, xa que o transporte do 065 resulta imprescindible para garantir o acceso á atención sanitaria e á igualdade de dereitos das persoas con discapacidade que carecen doutro medio de transporte.

Galería de imaxes

Todas