A asociación ALGARIA de Persoas con Discapacidade da Comarca de A Limia vén de participar nun obradoiro de artes plásticas dirixido a persoas con discapacidade, no que traballaron diferentes técnicas de modelado con diversos materiais de iniciación no manexo da olería. Cunha duración de vinte horas, este taller empezou no mes de abril e contou coa participación de oito persoas usuarias da entidade.
Este taller forma parte do programa EnRedArte que, financiado a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, busca a participación das persoas con discapacidade en actividades culturais. Ademais deste obradoiro de artes plásticas tamén comprende outros como a talla en cristal e artes escénicas a través do teatro e do audiovisual.
COGAMI iniciou EnRedArte durante o ano 2015 para fomentar a participación e as relacións sociais das persoas con discapacidade, ademais de incrementar a oferta de actividades de lecer na contorna. A boa acollida que ten por parte das entidades membro propiciou o seu reiterado desenvolvemento, participando durante este ano 72 persoas nos 9 obradoiros desenvolvidos, ademais de ALGARIA, nas entidades ASEARPO, A XANELA, ACEM Compostela, ASDIFICA, ÍNTEGRO, ADAPTA e os centros de COGAMI en Ferrol e Monteporreiro.