O Concello de Boiro e a Asociación Ambar deron hoxe un paso definitivo cara á inclusión social coa formalización do convenio de cesión dun dos inmobles das antigas vivendas dos mestres en Praia Xardín que estaban en desuso. O alcalde, José Ramón Romero, entregou oficialmente as chaves a Milagros Rey, presidenta de Ambar, marcando o inicio dun proxecto que transformará este espazo en seis vivendas inclusivas de transición e servizos de apoio á vida en comunidade.
Esta iniciativa supón unha rehabilitación estratéxica e social da zona, sumándose ás accións que xa desenvolve a entidade Agadea na contorna e consolidando Praia Xardín como un referente de usos sociais e benestar. O alcalde destacou que o proxecto permite "dar unha segunda vida a estes inmobles cun uso social moi necesario" e reafirmou o compromiso do goberno local por seguir humanizando a zona.
O proxecto baséase nun modelo de vivendas inclusivas que garante o benestar, a dignidade e a plena autonomía das persoas con discapacidade, permitindo que poidan desenvolver o seu proxecto de vida na comunidade e nunha contorna privilexiada.
"Imos poñer a funcionar un servizo que as familias levan demandando anos", explicou Milagros Rey. "Este espazo non é só un edificio, é unha oportunidade real para seguir impulsando a independencia das persoas nunha contorna comunitaria."
O acto contou coa presenza do presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, quen amosou o seu agradecemento ao Concello: “Grazas por ceder estas instalacións a Ambar para un proxecto completamente necesario. Como dicía Milagros, xa o veñen reivindicando as familias, pero sobre todo é esencial para que as persoas con discapacidade se desenvolvan como persoas autónomas en comunidade”.