A Asociación Galega de Fibrose Quística organiza en Baiona unha gala solidaria polo Día Mundial da FQ

A Asociación Galega de Fibrose Quística organiza en Baiona unha gala solidaria polo Día Mundial da FQ

 Nota en word

O vindeiro domingo, 8 de setembro a partir das 10 horas dende a Praza do Concello de Baiona, a Asociación Galega de Fibrose Quística organiza a Gala do Día Mundial da Fibrose Quística. Durante esta xornada, a entidade ten programadas diferentes actividades que se desenvolverán ao aire libre ao longo do día, cunha ampla oferta deportiva, lúdica e de lecer, co obxectivo de dar visibilidade á fibrose quística, fomentar o exercicio físico e compartir co resto da veciñanza esta data.

A xornada inicia ás 10 horas coa organización dunha andaina solidaria en colaboración co Club Cornelios Marqués de Vizhoja. As persoas interesadas en participar poden facelo a través da páxina web da entidade: www.fqgalicia.org ou no mesmo día ata 10 minutos antes da saída na mesa da asociación, onde tamén estarán dispoñibles rifas solidarias. Estas rifas permitirán participar nos sorteos que se realizarán ás 13 horas e ás 20:30 horas. Estes sorteos son posibles grazas á solidariedade dos colaboradores do evento, que un ano máis quixeron participar e aportar o seu gran de area. Entre os premios sorteados haberá un televisor Smart TV de 32", unha cea, unha mariscada, roupa, gafas de sol, crebacabezas, un xamón e moitos outros agasallos.

Dende as 10 horas Eventos Rey Midas organizará actividades para nenas e nenos con inchables e espectáculo de maxia para continuar ás 12:30 horas coa actuación de Xoves Cantantes. As persoas asistentes poderán posar no photocall solidario que estará operativo dende as 12:30 horas e, durante a tarde, a partir das 16:30 horas haberá música a  cargo de pasarrúas para dar paso á compañía Inventi Teatro que interpretará a obra As palabras perdidas.

A tarde continuará cunha sesión de Zumba que dirixirá Bruno Hermida, coa interpretación de cancións de toda unha vida a cargo de Pablo Alonso, cunha demostración de baile na que colabora Dando la nota para finalizar con máis sorteos de agasallos. O peche deste día será ás 21 horas coa actuación de Carla Lourdes Band.

Para máis información, podedes contactar con Andrea Carrera García, traballadora social da Asociación Galega de Fibrose Quística. Mail: tsvigo@fqgalicia.org  teléfono: 650 404 526 

Galería de imaxes