A asociación Íntegro mellorou as instalacións do centro que ten en Nantón, Cabana de Bergantiños, unhas obras das que se van beneficiar as 46 persoas usuarias deste servizo de atención diúrna.
A actuación centrouse na redistribución e optimización dos espazos interiores do centro, co obxectivo de mellorar a funcionalidade e o confort das instalacións. Ampliáronse o comedor e o ximnasio e a aula empregada como centro de día trasladouse a un novo espazo máis ventilado e con iluminación natural, co que melloran as condicións ambientais para as persoas usuarias e profesionais.
Este proxecto foi financiado nun 90% cos fondos procedentes do 0,7 % do IRPF, concretamente da asignación voluntaria do cadro 106 da declaración da renda destinado a “Actividades de Interese Social”, a X Solidaria, que xestiona a Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.
Con esta intervención, Íntegro reforza o seu compromiso coa calidade dos servizos que presta, apostando por espazos máis accesibles, confortables e adaptados ás necesidades das persoas usuarias.