A cidade de A Coruña acollerá o 22 de setembro unha nova edición da Carreira da Muller Central Lechera Asturiana, unha xornada que, dende que iniciou en 2004, persegue promocionar a práctica do running e do exercicio aeróbico entre as mulleres, loitar contra o cancro e combater a violencia de xénero e as desigualdades sociais e educativas que sofren as mulleres.
Nesta edición toma protagonismo a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR). Cara a esta entidade destinaranse os fondos de 50 dorsais das inscricións 100% solidarias e, a través da inscrición ordinaria, as persoas que se inscriban na carreira poden facer unha doazón a partir de un euro ao final do formulario que aparece no enlace https://www.carreradelamujer.com.
Outra maneira de colaborar con ACADAR será na Feira da Corredora que terá lugar en Palexco, o venres 20 de setembro dende as 16h ata as 20h e sábado 21 de setembro en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. ACADAR contará cun posto no que as persoas asistentes poderán coñecer máis sobre os servizos que presta a entidade na defensa dos dereitos das mulleres e nenas con discapacidade en todos os ámbitos da súa vida, como son os servizos de emprego, violencia de xénero, a sexualidade, a saúde, o apoderamento, a participación social e o liderado.
A entidade exporá estes días á venda produtos artesanais realizados por Lorena Quintas, muller creativa e emprendedora con discapacidade visual total e que presenta o seu proxecto Xogo de Fíos, que vén sendo artesanía con tacto. ACADAR tamén estará presente o mesmo día da carreira na carpa da liña de saída/meta.