A Deputación de Ourense apoia o programa de fisioterapia da AGL para persoas con linfedema e lipedema

A Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e outras Patoloxías Vasculares Periféricas (AGL) desenvolve un programa para conseguir reducir os efectos incapacitantes destas patoloxías. Denominado Servizo de fisioterapia para persoas con linfedema e lipedema, conta cun orzamento de algo máis de 20.000 euros e atende a 75 persoas en toda Galicia.

Durante este ano, a Deputación de Ourense, no marco da súa convocatoria de apoio a entidades sociais sen ánimo de lucro e proxectos de carácter social, concedeu a AGL unha subvención de 3.000 €. Con esta achega, pódese garantir o tratamento das 24 persoas procedentes da provincia ourensá, reforzando o labor que a asociación leva anos realizando.

O programa consiste en dúas sesións mensuais de drenaxe linfático manual, realizadas por profesionais con especialización, co obxectivo de reducir os efectos incapacitantes destas patoloxías. Ademais de ofrecer tratamento directo, AGL busca sensibilizar á poboación sobre a realidade destas enfermidades, que a día de hoxe están infratratadas e infradiagnosticadas.

O linfedema e o lipedema, se non reciben o tratamento axeitado, poden provocar un empeoramento grave e irreversible, afectando a todos os ámbitos da vida da persoa. O programa de AGL permite manter a enfermidade controlada, mellorar a mobilidade, evitar infeccións e previr complicacións derivadas da falta de tratamento, complementando outras áreas fundamentais como nutrición, psicoloxía, cirurxía vascular, rehabilitación, dermatoloxía, prendas de compresión e exercicio.

Galería de imaxes

Todas