A deputada provincial de Igualdade e Benestar Social, Sandra Bastos, visitou as instalacións que COGAMI ten en Vigo para coñecer de primeira man os espazos e os servizos que desenvolve a Confederación na atención ás persoas con discapacidade de Vigo.
A Deputada foi recibida polo presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, o presidente da Federación COGAMI Pontevedra, Ángel Holguera, polo membro da Xunta Directiva de COGAMI, Celso Álvarez, e maila coordinadora da oficina de COGAMI en Vigo, Sandra Araújo.
A Deputación de Pontevedra colabora con COGAMI apoiando o seu servizo de Emprego que ofrece orientación e intermediación laboral a persoas con discapacidade que están na procura de emprego. Ademais, este organismo provincial apoia tamén o programa de Atención integral para persoas con discapacidade da provincia de Pontevedra que desenvolve a Federación COGAMI Pontevedra.
Durante a visita, a responsable de Benestar Social da Deputación puxo en valor o labor que desenvolve COGAMI a persoas con discapacidade e familias, “converténdose nunha auténtica referencia a nivel autonómico”, expresaba Sandra Bastos. A Deputada tamén reafirmou o compromiso da institución provincial con COGAMI “para potenciar a inserción laboral e protexer os dereitos básicos das persoas con discapacidade”.