A Federación ALCER Galicia celebrou durante a fin de semana unha nova edición do seu programa de Apoio Psicosocial para menores con enfermidade renal crónica (ERC) e as súas familias. O encontro tivo lugar na Residencia de Tempo Libre de Panxón, no concello de Nigrán, e reuniu preto de 30 persoas arredor da aprendizaxe compartida, o acompañamento emocional e o lecer.
A iniciativa busca ofrecer ás familias un espazo no que compartir experiencias, coñecer mellor os retos que implica convivir coa enfermidade renal crónica durante a infancia e fortalecer os vínculos con outras persoas que atravesan situacións semellantes.
A xornada inaugural contou coa participación de Jacobo Rey, director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, e Juan González, alcalde de Nigrán, concello que colabora con este programa desde hai anos.
Un dos momentos destacados do encontro foi a intervención da doutora Gema Ariceta, pediatra nefróloga do Hospital Vall d'Hebron de Barcelona, que abordou as dificultades cotiás que afrontan os menores con enfermidade renal crónica e as súas familias. Na súa exposición tratou o impacto psicolóxico e social da enfermidade e a importancia dunha transición progresiva e adecuada desde a atención pediátrica á atención sanitaria na idade adulta.
O programa incluíu tamén obradoiros de xestión emocional e nutrición adaptada á enfermidade renal crónica, dous ámbitos fundamentais para acompañar as familias no día a día e facilitar ferramentas para afrontar as necesidades asociadas á enfermidade.
Ademais das actividades formativas, o encontro reservou tempo para o lecer, a interacción e o coñecemento mutuo. A convivencia permitiu ás persoas participantes intercambiar vivencias nun ambiente de apoio e comprensión, no que sentirse acompañadas por outras familias que coñecen de primeira man a realidade da enfermidade renal crónica.
A estancia rematou o domingo cunha excursión en grupo, poñendo o punto final a unha fin de semana que reforza a importancia de contar con espazos de encontro e apoio psicosocial para os menores con ERC e as súas familias.
O programa enmárcase en Medro con ALCER, financiado pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica. A Federación ALCER Galicia agrupa as asociacións de loita contra as enfermidades do ril das catro provincias galegas e traballa para mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade renal crónica.