A Federación COGAMI Pontevedra desenvolveu ao longo de todo este ano o proxecto PONTE-DEPORTE, unha iniciativa multideportiva dirixida a persoas con discapacidade que contou co apoio do Plan Social Ence Pontevedra, cun financiamento de 10.000 euros.
O programa ofreceu unha ampla variedade de actividades, tanto individuais como grupais, co obxectivo de fomentar a práctica deportiva adaptada e favorecer a inclusión social. As persoas participantes puideron practicar pádel adaptado, ioga, natación adaptada, sendeirismo e cicloturismo, actividades que se axustaron ás necesidades de cada persoa para garantir a súa participación en igualdade de condicións.
Ademais do apartado deportivo, este ano o proxecto incorporou accións de sensibilización centradas en visibilizar a importancia da inclusión social das persoas con discapacidade a través do deporte, promovendo unha sociedade máis inclusiva.
En total, 45 persoas con discapacidade beneficiáronse directamente das actividades desenvolvidas, e outras 20 persoas fixérono de maneira indirecta, reforzando o impacto social dun proxecto que combina actividade física, saúde, convivencia e inclusión.