COGAMI reforzou en 2024 o seu compromiso coa formación e a inclusión laboral, impartindo un total de 71 cursos presenciais nos que participaron 678 persoas con certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual.
O programa de formación de COGAMI está adaptado ás necesidades e capacidades das persoas con discapacidade así como ás necesidades do mercado laboral. Coa impartición destes cursos, preténdese capacitar ás persoas en competencias que favorezan o seu desenvolvemento persoal e social, así como a incorporación ao mercado de traballo. Durante 2024, o 40% das persoas formadas logrou incorporarse ao mundo laboral.
Formación en diversos sectores
Os cursos impartidos abranguen unha ampla variedade de sectores e distribuíronse por distintas localidades de Galicia. No ámbito da Administración e Xestión, impartiuse formación en conserxería e tarefas administrativas en Santiago, A Coruña, Lugo, Vigo, Pontevedra e Ferrol. No sector da Atención ao Cliente e Venda, desenvolvéronse accións en Ferrol, Ourense, Lugo e Vigo. En Transporte e Loxística, realizáronse cursos de carretillas elevadoras en Ferrol, Lugo, Vigo, Ourense e Pontevedra, ademais de formación en xestión de stocks en Pontevedra e ponte grúa en Vigo.
No eido da Seguridade e Saúde, impartíronse cursos de control de accesos en Ferrol e Ourense, así como primeiros auxilios en Lugo e Vigo. En Servizos Xerais e Atención Sociosanitaria, houbo formación en Ourense para auxiliares de servizos con TIC e acompañantes de transporte con persoa acompañante, mentres que en Pontevedra se ofreceron cursos de limpeza hospitalaria, conserxería-recepción e atención en comedores escolares e transporte escolar. Dentro da Alimentación e Seguridade Alimentaria, impartíronse cursos de manipulador de alimentos en Lugo, Pontevedra e Vigo, así como de expendedor de combustible en Lugo. En Recursos Humanos e Contabilidade, Vigo acolleu formación en selección e xestión de RRHH e contabilidade. No sector da Tecnoloxía e Programación, realizáronse formacións virtuais en desenvolvemento JAVA e deseño UX/UI accesible. Finalmente, impartíronse cursos de alfabetización dixital en O Carballiño, Monforte e Vigo e de Competencias clave en Ourense e Vigo.
Estas formacións, que no seu conxunto ofreceron 11.572 horas lectivas, contan co apoio de organismos públicos e privados como son a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, o Fondo Social Europeo, Fundación ONCE, Fundación “la Caixa”, o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, Fundación Integralia/DKV e COCEMFE, entidades que apoian a mellora da empregabilidade das persoas con discapacidade.
Para este ano 2025, COGAMI continuará traballando para ampliar as oportunidades laborais e garantir que a formación sexa unha ferramenta eficaz para a inclusión real no mercado de traballo.