A unidade de fibrose quística do Álvaro Cunqueiro, referente en Galicia pola súa calidade asistencial

A Asociación Galega de Fibrose Quística organizou esta fin de semana no Salón de Actos do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a XIII Xornada Informativa sobre Fibrose Quística, unha cita que reuniu a profesionais sanitarios, pacientes, familias e persoas interesadas na patoloxía. O acto de apertura contou coa participación do subdirector de Humanización de Atención á Cidadanía, Francisco Jesús Represas, e máis o presidente da entidade, Juan Da Silva.

Francisco Jesús Represas, na súa intervención, puxo en valor a unidade de neumoloxía do hospital vigués Álvaro Cunqueiro , segundo apuntou “dende hai tres anos conta cunha acreditación nacional de calidade con nivel de Excelente, que a converten na primeira e única unidade de Galicia en acadar este recoñecemento”. Tamén Da Silva aproveitaba para eloxiar a atención especializada deste hospital “que a día de hoxe temos unha unidade integrada que para nós é un fito: dende hai tres semanas temos consultas de adultos onde especialistas doutras especialidades que non é neumoloxía están atendendo á persoa á vez”. Apuntaba a importancia de “replicar este modelo noutros hospitais galegos que atenden a pacientes con fibrose quística”

Juan da Silva tamén puxo en valor a mellora da calidade de vida de moitas persoas que teñen fibrose quística grazas aos avances nos tratamentos “que non curan a enfermidade pero si están dando un salto moi importante na curva da supervivencia e na calidade de vida do colectivo”, apuntaba. Aínda así, dende a asociación piden o acceso a estes tratamentos para toda a poboación, “a día de hoxe un 30% da poboación non pode acceder ao tratamento modulador por indicación ou porque non lle funciona”, por isto dende a entidade apuntan a necesidade de negociar cos organismos pertinentes como son o laboratorio, farmacia e o Ministerio para que chegue a todas as persoas.

Galería de imaxes

Todas