A Asociación Amizade desenvolve ao longo deste ano o Programa de Atención Integral para Persoas con Discapacidade, iniciativa que busca mellorar a calidade de vida de arredor de 110 persoas da comarca de Pontevedra.
Este proxecto está financiado a través do 0,7% do IRPF, fondos xestionados pola Xunta de Galicia procedentes das persoas contribuíntes que marcan o recadro 106 de “Actividades consideradas de interese social” na súa declaración da renda.
Coincidindo coa campaña da renda, a entidade quere poñer en valor o impacto directo que ten este xesto solidario na vida das persoas con discapacidade e das súas familias. Dende Amizade fan un chamamento á cidadanía para continuar marcando a X Solidaria, lembrando que este xesto non supón ningún custo adicional para as persoas contribuíntes, pero si permite impulsar programas e recursos sociais fundamentais.
O programa inclúe a coordinación de diferentes servizos orientados á promoción da autonomía persoal e da inclusión social, entre eles accións de información e asesoramento, actividades de lecer inclusivo e iniciativas de sensibilización social.
Co desenvolvemento de programas como o de Atención Integral que desenvolve a entidade Amizade, as persoas participantes poden reforzar a súa independencia, mellorar as súas habilidades sociais e incrementar a súa participación activa na comunidade, reducindo situacións de illamento e favorecendo a igualdade de oportunidades.