A Asociación ÁMBAR celebrou este domingo a XII Carreira pola Diversidade, unha cita xa consolidada no calendario solidario da comarca que volveu demostrar o compromiso da cidadanía coa inclusión das persoas con discapacidade.
A iniciativa reuniu un total de 415 persoas participantes, logrando recadar arredor de 9.500 euros que se destinarán integramente ao proxecto "Ecosistema de vivendas inclusivas e servizo de apoio á comunidade", promovido por ÁMBAR. Esta iniciativa permitirá avanzar na creación de seis vivendas inclusivas con apoio á comunidade nun dos edificios das antigas vivendas dos mestres, situado en Praia Xardín (Boiro), favorecendo a vida independente e a inclusión social das persoas con discapacidade.
A carreira absoluta contou con 172 participantes, incluíndo modalidades inclusivas como cadeira de atletismo, handbike e zapatilla inclusiva. A gran novidade desta duodécima edición foi a incorporación dunha Proba Lúdica de 2,5 quilómetros, que reuniu a 243 persoas nun percorrido pensado para desfrutar sen a presión do cronómetro. Deseñada para compartir en familia, con amizades ou mesmo coas súas mascotas, esta experiencia estivo chea de sorpresas e actividades ao longo do traxecto, como un baño de escuma, chorros de auga, sopradores de aire, rodillos secantes e un photocall interactivo na chegada, convertendo a xornada nunha auténtica festa da inclusión.
Ao remate da Proba Lúdica celebrouse a entrega de medallas e agasallos para todas as persoas participantes menores de 16 anos, que recibiron unha cometa doada pola empresa Dismac. O vento que acompañou a xornada permitiu encher o ceo de Coroso de cor, poñendo o broche final a unha mañá marcada pola convivencia, a participación e a solidariedade.
Durante a entrega de premios, a presidenta de ÁMBAR, Milagros Rey, agradeceu a confianza de todas as persoas que participaron e colaboraron nesta edición e destacou que «a Carreira pola Diversidade é moito máis ca un evento deportivo: é unha demostración do compromiso da sociedade coa inclusión». Ademais, puxo en valor o labor das persoas voluntarias, entidades colaboradoras e patrocinadoras que fan posible que esta iniciativa continúe medrando ano tras ano.
Con esta nova edición, a Carreira pola Diversidade reafírmase como un encontro de referencia para promover a inclusión, a participación comunitaria e a solidariedade, contribuíndo ademais a impulsar proxectos que melloran a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.