ACADAR impulsa en Santiago e Lugo “Creando en Rede, un proxecto que conecta a 50 mulleres e promove o empoderamento, o apoio entre iguais e a participación social.
A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) está a desenvolver “Creando en Rede”, un proxecto que busca conectar a 50 mulleres con discapacidade das contornas de Santiago de Compostela e Lugo e xerar espazos nos que compartir experiencias, crear vínculos e fortalecer as redes de apoio.
O programa promove encontros nos que se abordan cuestións fundamentais para o benestar e a autonomía das participantes, como os dereitos das mulleres con discapacidade e a xestión emocional, ao tempo que se traballan as habilidades sociais e comunicativas. As xuntanzas complétanse con actividades de lecer e socioculturais, entre elas visitas guiadas a museos, saídas a lugares emblemáticos das cidades e participación en celebracións e eventos. Tamén se fomenta o coñecemento de recursos e entidades do ámbito local.
A través deste proxecto, que financia Fundación ONCE a través do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), ACADAR pretende combater o illamento, fortalecer vínculos, fomentar o empoderamento e favorecer a participación social das mulleres con discapacidade. Para iso, créanse espazos seguros nos que compartir vivencias, intercambiar experiencias, desenvolver habilidades sociais e impulsar liderados baseados na propia experiencia.
“Creando en Rede” desenvólvese en dúas contornas con realidades diferentes: en Santiago de Compostela, as participantes teñen acceso a unha maior variedade de recursos socioculturais, de transporte e mobilidade, sanitarios e comunitarios. En Lugo, con maior dispersión xeográfica e a menor dispoñibilidade de determinados recursos fai necesario crear espazos de encontro e apoio.
O apoio entre iguais constitúe unha das claves da iniciativa, xa que permite reforzar a autoestima, favorecer a autonomía e contribuír á prevención de situacións de violencia e dependencia. Deste xeito, o proxecto busca avanzar cara a unha inclusión social real, na que as mulleres con discapacidade conten con ferramentas e redes que lles permitan participar activamente na súa comunidade.
“Creando en Rede” articúlase arredor de tres eixos: a creación dunha rede de apoio próxima, o fortalecemento da rede de apoio comunitaria e o desenvolvemento de competencias e habilidades orientadas ao benestar persoal e social.
O programa está dirixido tanto a mulleres participantes ou socias de ACADAR como tamén a calquera outra muller con discapacidade que estea interesada en apuntarse.