ACADAR impulsa a autonomía e o benestar das mulleres con discapacidade en Santiago a través de RE-CRÉATE

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) durante o mes de setembro desenvolveu a sétima edición de RE-CRÉATE: Obradoiros creativos para a promoción da saúde e igualdade de xénero, un proxecto dirixido a mulleres con discapacidade residentes en Compostela.

RE-CRÉATE, que financia o Concello de Santiago de Compostela, nace co propósito de promover a saúde, o benestar, a autonomía persoal e a igualdade das mulleres con discapacidade, así como de reforzar factores protectores fronte ás situacións de desigualdade, discriminación e violencia.

Nesta edición participaron 14 mulleres, que combinaron contidos teóricos con actividades prácticas e dinámicas participativas orientadas a proporcionar ferramentas para favorecer a autonomía persoal, o autocoidado e o benestar, así como para identificar e previr posibles situacións de desigualdade, discriminación e violencia.

Ao longo do proxecto desenvolvéronse catro obradoiros creativos e participativos centrados na autoestima e a identidade; o bo trato e os recursos da comunidade; as relacións e os afectos saudables; e a sexualidade, o autocoidado e o pracer.

As diferentes sesións incorporaron propostas prácticas para facilitar a reflexión e a participación. Así, a dinámica do Espello positivo permitiu traballar a autoestima e o autocoñecemento; a creación dun xardín colectivo axudou a identificar recursos e redes de apoio da comunidade; a elaboración dun escudo persoal centrouse nas relacións, os límites e o coidado; e un bingo sobre sexualidade saudable e pracer permitiu abordar estes contidos dun xeito dinámico e participativo.

A programación completouse co Escape Room da Igualdade: Escapar dos estereotipos, unha proposta baseada en retos e xogos que facilitou a reflexión sobre os estereotipos, os prexuízos e as desigualdades de xénero, así como sobre a importancia da igualdade e do respecto polos dereitos de todas as persoas.

Deste xeito, os obradoiros converteron a creatividade e a participación en ferramentas para compartir experiencias, xerar aprendizaxes e reforzar a autonomía persoal, nun espazo seguro no que se favoreceu o diálogo, a expresión e o respecto polas decisións e os límites de cada participante.

Galería de imaxes

Todas