ACADAR inicia a décima edición do seu Programa de Apoderamento e Activación para o Emprego de Mulleres con Discapacidade

A entidade ACADAR iniciou en Ourense a 10ª edición do Programa de Apoderamento e Activación para o Emprego de Mulleres con Discapacidade Física e Orgánica, unha iniciativa que se consolida tras unha década de traballo orientado a promover a autonomía, a participación social e a mellora da empregabilidade das mulleres con discapacidade.

Esta iniciativa de COCEMFE está impulsada coa colaboración do programa de inclusión sociolaboral Incorpora da Fundación ”la Caixa”, dirixido ás persoas en situación de vulnerabilidade e risco de exclusión social. Dende esta iniciativa ofrécese unha atención integral e adaptada mediante itinerarios personalizados que combinan intervencións individuais e grupais, derivación a recursos especializados e un acompañamento continuado, axustado ás necesidades específicas de cada muller. Este enfoque permite abordar situacións complexas, especialmente no caso de mulleres con discapacidade desempregadas e en contextos de maior vulnerabilidade social.

Na pasada edición, participaron no programa 86 mulleres con discapacidade de Ourense, O Carballiño, Chantada ou Lalín, o que permitiu despregar unha ampla batería de actuacións orientadas ao seu apoderamento persoal e á mellora da súa empregabilidade. Dedicáronse máis de 250 horas á atención individualizada e máis de 100 horas a sesións grupais centradas en apoderamento, desenvolvemento de habilidades prelaborais e alfabetización dixital.

As participantes valoraron especialmente o acompañamento recibido ao longo do programa, que identificaron como un apoio continuado e adaptado ás súas necesidades. Neste sentido, unha delas sinalou que “o acompañamento foi clave para contar cunha orientación constante e un seguimento que me permitiu avanzar paso a paso no proceso”. Doutra banda, outra participante destacou o impacto do programa na súa autonomía e proxección de futuro, afirmando que “agora podo facer xestións por min mesma, buscar emprego e organizar os meus trámites con maior seguridade e claridade”. Este proceso contribuíu de maneira significativa a reforzar a autonomía persoal e definir obxectivos profesionais e vitais realistas.

A décima edición do Programa de Apoderamento e Activación para o Emprego está a desenvolverse, ademais de Galicia, en Andalucía, Aragón, Madrid, Navarra, Castela A Mancha e Estremadura, a través do traballo coordinado entre COCEMFE e a súa rede territorial de entidades, o que permite unha intervención adaptada ás características de cada territorio e ás necesidades específicas das mulleres participantes.

Ademais do seu impacto directo na empregabilidade e a calidade de vida das mulleres con discapacidade, o programa contribúe ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente o ODS 5, relativo á igualdade de xénero e o apoderamento das mulleres, e o ODS 10, centrado na redución de desigualdades e a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade.

As mulleres con discapacidade interesadas en participar no Programa de Apoderamento e Activación para o Emprego poden poñerse en contacto con Diana Valeiras, a través do correo electrónico igualdad.ourense@cocemfe.es  e no teléfono 617 101 436

Galería de imaxes

Todas