ACADAR inicia unha nova edición de ACTIVADAS para fortalecer o empoderamento das mulleres con discapacidade


A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) pon en marcha unha nova edición de ACTIVADAS: Claves para o empoderamento das mulleres con discapacidade, un programa orientado a promover a igualdade de xénero e reforzar a participación social das mulleres con discapacidade en todos os ámbitos da vida.

Esta iniciativa busca favorecer procesos de empoderamento tanto a nivel individual como colectivo, a través de intervencións continuadas centradas no reforzo da autoestima, o autocoñecemento e o desenvolvemento persoal das mulleres participantes.

O programa combina obradoiros grupais e atención individualizada, nos que se traballan habilidades sociais e comunicativas, ao tempo que se achegan ferramentas e recursos para identificar e erradicar os distintos tipos de violencia de xénero. Ademais, foméntase a creación de redes de apoio mutuo entre as participantes, xerando espazos seguros de encontro e intercambio.

O programa xa se desenvolveu nalgunhas localidades como Santiago de Compostela (contou con 14 mulleres participantes), Pontecesures (5 mulleres) e A Estrada (5 mulleres), facilitando así o acceso ao programa a mulleres de distintos territorios. Agora está previsto iniciarse en Xinzo de Limia e Ourense, tendo como previsión a participación total de 35 mulleres con discapacidade.

Este proxecto é posible cos fondos do 0,7 % do IRPF, procedentes das persoas contribuíntes que marcan o X Solidario na súa declaración da renda e que distribúe a Xunta de Galicia.

Con este programa, ACADAR reafirma o seu compromiso coa igualdade de oportunidades e co fortalecemento do papel das mulleres con discapacidade na sociedade, promovendo a súa autonomía e participación activa.

Galería de imaxes

Todas