ACADAR promove obradoiros de inclusión e apoderamento para mulleres con discapacidade

A través dos fondos do 0,7% do IRPF que xestiona a Xunta, a entidade desenvolve en Santiago, A Estrada e Lalín programas de transición ao emprego e de apoio persoal, beneficiando a máis de 30 mulleres.

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) está a desenvolver en A Estrada un obradoiro dentro do Servizo de Inclusión e Transición ao Emprego para persoas con discapacidade, que ten como finalidade fomentar a integración social e laboral de seis mulleres con discapacidade do municipio.

Este programa realízase a través dos fondos do 0,7% do IRPF, procedentes das persoas contribuíntes que na declaración da renda marcan o cadro 106 de “Actividades de interese xeral consideradas de interese social”, coñecido como X Solidaria, e que son xestionados pola Xunta de Galicia a través de COGAMI.

Ademais, ACADAR tamén está a levar a cabo o programa ACTIVA-DAS. Claves para o apoderamento das mulleres con discapacidade, no que se imparten obradoiros en diferentes localidades. Nestes últimos meses participaron mulleres de Santiago de Compostela, Lalín e A Estrada, sumando un total de 32 beneficiarias.

Con estas iniciativas, ACADAR continúa a promover, coordinar e reivindicar os dereitos das mulleres con discapacidade, favorecendo a súa plena inclusión e participación en todos os ámbitos da sociedade e traballando en áreas clave como o apoderamento, a educación, a igualdade, a saúde, a sexualidade e o acompañamento a mulleres en situación de violencia.

Galería de imaxes

Todas