ACADAR recibe a Medalla Emilia Pardo Bazán

Mulleres membro da xunta directiva da asociación ACADAR desprazáronse ata A Coruña para recibir un galardón que distingue á entidade pola súa traxectoria e bo facer. Falamos da Medalla Emilia pardo Bazán, un recoñecemento que concede a Xunta de Galicia ao traballo dirixido a todas as mulleres con discapacidade, pola defensa dos seus dereitos e pola mellora das súas vidas e benestar.

As mulleres de ACADAR non estiveron soas durante a recollida deste galardón. Estaban acompañadas polo presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, o vicepresidente, Ramón Sestayo, o presidente de CEGASAL, Mino Martínez, e o presidente de Íntegro, Adolfo López, durante este importante momento para a entidade.

Marta Núñez, membro da xunta directiva de ACADAR, foi a encargada de recoller o galardón en nome da entidade. “Esta medalla recoñece o papel de todas e cada unha das mulleres con discapacidade da nosa comunidade que son referentes doutras mulleres, que son activistas e que día a día traballan por acadar os seus proxectos vitais”, expresaba Marta durante o seu discurso. Dende ACADAR, ademais de agradecer publicamente este recoñecemento, quixeron facer fincapé en “ser muller e ter unha discapacidade, supón ter que facer moitas conquistas tanto no ámbito máis privado como no público”

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia constituíuse no ano 2009 por un grupo de mulleres que tiñan como obxectivos comúns conseguir a igualdade efectiva de oportunidades das mulleres galegas con discapacidade.

Outras galardoadas e galardoados nesta edición foron os tres institutos de investigación sanitaria de Galicia e Rosa Celia Otero Graña, fundadora da Asociación de Amas de Casa, Usuarios e Consumidores da Coruña. A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor as súas traxectorias por seren exemplos da incorporación das mulleres ao mundo da ciencia e polo seu compromiso coa conquista de dereitos das mulleres, sobre todo as amas de casa.

Galería de imaxes

Todas