“Hoxe demos un paso necesario e importante na difusión, visibilización e concienciación social que necesitan as persoas con Crohn, colite ulcerosa e ostomías de Ourense”, expresaba o presidente de ACCU Ourense, Fernando Jiménez, tras asinar un convenio con alcaldes e alcaldesas de 91 concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes.
A sensibilización desta entidade sobre os problemas que teñen as persoas con enfermidade inflamatoria intestinal derivou en que estes concellos, impulsados pola Deputación de Ourense, asinaran un protocolo que permitirá o acceso preferente aos servizos sanitarios das dependencias públicas destes municipios.
“As enfermidades inflamatorias intestinais son patoloxías complexas, crónicas e recidivantes. Precisamos que haxa un acceso libre aos aseos, sen demora nin ser cuestionados ou cuestionadas, tanto no caso de urxencia defecacional coma no caso de acceder a baños adaptados para que as persoas ostomizadas poidan ir ao aseo en condicións de seguridade, hixiene e dignidade”, explica Fernando Jiménez.
Dende a Deputación de Ourense, o seu presidente, Luis Menor, agradeceu e felicitou aos alcaldes e alcaldesas, "pola súa sensibilidade, pois hoxe é un día para sentirnos orgullosos xa que acabamos de dar un gran paso para mellorar a vida de moita xente, que é a nosa obriga como servidores e xestores públicos".
Este convenio supón que a provincia de Ourense sexa a primeira que conta cun protocolo como o que acaban de asinar tanto presencial como telematicamente os rexedores e rexedoras municipais de 91 municipios con menos de 20.000 habitantes. O acto estivo presidido polo presidente da Deputación, Luis Menor; o presidente de ACCU, Fernando Jiménez; a deputada de Políticas Sociais, Patricia Torres; e o director da área Social da institución provincial, José Juan Cerdeira.