ACEM reúne a 130 persoas na marcha solidaria CaminEMos para dar visibilidade á esclerose múltiple

A Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple (ACEM), entidade membro de COGAMI, celebrou este domingo no paseo marítimo do Burgo, en Culleredo, unha nova edición da marcha solidaria CaminEMos, que reuniu a 130 persoas nunha xornada dedicada á sensibilización, á convivencia e ao apoio ás persoas con esclerose múltiple.

A iniciativa desenvolveuse no marco da campaña estatal CaminEMos, impulsada pola Asociación Española de Esclerose Múltiple xunto coas súas entidades membro, co obxectivo de achegar á cidadanía a realidade das persoas que conviven con esta enfermidade neurolóxica crónica e favorecer unha maior concienciación social sobre as súas necesidades.

Antes do inicio da marcha tivo lugar un acto institucional no que participaron representantes de ACEM e do Concello de Culleredo, entre eles o alcalde, José Ramón Rioboo, e a concelleira de Cohesión Social, Marta Figueroa, que amosaron o seu respaldo ao labor que desenvolve a asociación na atención, orientación e acompañamento das persoas con esclerose múltiple e das súas familias.

Ao longo do percorrido polo paseo marítimo do Burgo, as persoas participantes converteron esta cita nun exemplo de solidariedade e compromiso social, contribuíndo a dar maior visibilidade á esclerose múltiple e á importancia de continuar avanzando na investigación, na atención especializada e na eliminación das barreiras que condicionan a calidade de vida das persoas afectadas.

Galicia é a comunidade autónoma con maior prevalencia de esclerose múltiple do Estado, unha realidade que pon de manifesto a necesidade de continuar impulsando accións de sensibilización como CaminEMos, que fomentan o coñecemento da enfermidade e promoven unha sociedade máis informada, inclusiva e comprometida.

Galería de imaxes

Todas