ADISBISMUR dá a coñecer o proxecto da nova residencia en Outes, actualmente en obras

A construción da nova residencia para persoas con discapacidade en Outes congregou a máis de cen persoas nun acto institucional que puxo en valor este futuro recurso para a comarca. Ao encontro asistiu a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada polo alcalde de Outes, Francisco Calo, o presidente de ADISBISMUR, Ramón Sestayo, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga.

A nova residencia construirase nun edificio cedido polo Concello de Outes, que antigamente acollía a escola do Cruceiro de Roo. A Xunta de Galicia inviste neste proxecto 2 millóns de euros, que permitirán rehabilitar o inmoble e transformalo nun centro residencial con capacidade para 24 prazas, que será xestionado por ADISBISMUR.

Durante o acto, Fabiola García subliñou que este investimento “reflicte o compromiso da Xunta coa atención ás persoas con discapacidade”, destacando a importancia de ampliar a rede de recursos adaptados ás necesidades deste colectivo.

Pola súa banda, Ramón Sestayo salientou que “este novo recurso, que se suma aos servizos que xa desenvolve ADISBISMUR, dará resposta ao envellecemento das persoas con discapacidade, permitindo que poidan permanecer na súa contorna”.

Servizos de proximidade no rural

A futura residencia situarase nun edificio de tres andares con capacidade para 24 persoas. ADISBISMUR será a entidade encargada de redactar o proxecto definitivo, así como de xestionar a contratación e o seguimento das obras.

Este novo recurso reforza a aposta polos servizos de proximidade no rural, facilitando que as persoas con discapacidade poidan continuar vivindo no seu entorno habitual cando precisan apoio especializado. Ademais, a residencia completará a rede de servizos de ADISBISMUR, que xa conta cun centro ocupacional con capacidade para arredor de cincuenta persoas usuarias e un centro de día que atende a unha vintena.

Galería de imaxes

Todas