As praias de Carnota, Muros e Outes están hoxe un pouco máis limpas grazas á colaboración mantida entre ADISBISMUR e Limpocean (Asociación para Océanos Limpos de Plástico). Ámbalas dúas entidades, liderando unha acción conxunta no marco do proxecto PINEA: Proxecto Interxeneracional de Educación Ambiental, logran retirar máis de 100 quilos de lixo dos areais.
A través deste proxecto PINEA, congregáronse persoas maiores, nenos e nenas, adolescentes e persoas usuarias de ADISBISMUR nun esforzo colectivo por restaurar o litoral. Con Limpocean como socio chave, as xornadas combinaron a retirada de residuos con tarefas de clasificación, ao mesmo tempo que se fomentaba a educación ambiental e a reflexión sobre a sostibilidade e a defensa e coidado do medio ambiente.
"Foi unha experiencia que uniu xeracións e nos fixo reflexionar sobre a importancia das pequenas accións para lograr grandes cambios", comentou unha das educadoras sociais de ADISBISMUR que participaron na xornada.
PINEA: Educación e acción sostible
O proxecto PINEA, que se iniciou en setembro de 2024 co apoio do GALP Seo de Fisterra-Ría de Muros-Noia: Costa Sostible, busca fomentar a conciencia ambiental a través da inclusión social e o traballo interxeracional. Actividades previas, como charlas sobre os efectos dos plásticos no mar organizadas coa colaboración de Mares da Fin do Mundo, sentaron as bases para a intervención nas praias de Carnota, Muros e Outes.
A acción das praias marca un fito no proxecto PINEA, que continuará ao longo de 2025 con novas iniciativas enfocadas na educación ambiental e na promoción da economía circular. Este tipo de proxectos non só benefician ao medio ambiente, senón que fortalecen os lazos entre comunidades e xeracións.