Adxudicada a COGAMI a xestión da Unidade de Atención Temperá do Concello de Poio

Adxudicada a COGAMI a xestión da Unidade de Atención Temperá do Concello de Poio

Para a segunda quincena de febreiro está previsto a posta en marcha da Unidade de Atención Temperá do Concello de Poio, situada na Casa Rosada, e da que se vai encargar COGAMI. Profesionais da psicoloxía, logopedia e fisioterapia pediátrica complementadas por unha terapeuta ocupacional, atenderán a menores de 0 a 6 anos ante posibles problemas de desenvolvemento e realizando campañas de prevención.

Esta vai ser a primeira unidade de atención temperá no Concello de Poio, e contará cun orzamento de máis de 266.000 euros procedentes da Xunta de Galicia e Fondos Europeos, para dar resposta ás necesidades das familias, ofrecendo atención especializada e gratuíta para menores ata 6 anos de idade.

COGAMI xa ten experiencia na atención de centros de atención temperá, iniciando nesta actividade no ano 2020 cando lle foi concedida a xestión da unidade da Mancomunidade de Baixo Miño, ás que se lles foron unindo as dos concellos de Abegondo, Bergondo e Carral, ademais do de Sada, Mos e Ponteareas.

O servizo de atención temperá ten como obxectivo dar o apoio preventivo e asistencial á  poboación infantil de 0 a 6 anos, familia e contorna, para potenciar a súa capacidade desenvolvemento e benestar, posibilitando da forma máis completa a súa inclusión no medio familiar, escolar e social, así como a súa autonomía persoal.

A familia deberá acudir ao servizo de pediatría do centro de saúde que lle corresponda ante a sospeita de trastorno do desenvolvemento. Será este profesional quen derivará á familia á unidade de atención temperá.