No primeiro semestre de 2026, a entidade Alcer Coruña apostou pola formación en Conciencia Emocional para aprender a xestionar de mellor maneira as emocións, sobre todo das persoas que conviven coa enfermidade renal crónica (ERC).
A psicóloga que forma parte da entidade, Laura López, impartiu un total de 3 formacións que coinciden coas tres delegacións que ten Alcer Coruña: no Hospital Abente y Lago de A Coruña, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e no centro de saúde Fontenla Maristany de Ferrol. Un total de 40 persoas, das que 35 tiñan ERC ou eran familiares, asistiron a estes seminarios.
O obxectivo destas formacións foi proporcionar coñecementos básicos e esenciais sobre conciencia emocional, pilar fundamental da xestión emocional. Durante as sesións explicouse que é a conciencia emocional, a importancia que ten durante a enfermidade renal crónica e como se pode mellorar para xestionar mellor as emocións. Tamén se tratou de promover a participación activa das persoas asistentes a través do debate e a integración dos coñecementos adquiridos con exemplos prácticos.
Ademais, de ofrecer este tipo de formacións, dende Alcer Coruña ofrecen un servizo gratuíto de atención psicolóxica que, ademais de desenvolver estas actividades formativas, tamén atende demandas psicolóxicas das persoas con enfermidade renal e familiares da entidade de toda a provincia.