A asociación Algaria, entidade membro de COGAMI, celebrou o pasado sábado 27 de xuño a cuarta edición do torneo igualitario de xadrez "Xaque ó Emérito", unha cita que volveu converter a Casa da Cultura de Xinzo de Limia nun espazo de encontro, participación e convivencia arredor deste deporte.
O torneo reuniu preto de medio cento de xogadores e xogadoras procedentes de distintos puntos da comarca da Limia, doutras localidades da provincia de Ourense, de Pontevedra e tamén de Portugal, consolidándose como unha cita de referencia para afeccionados e afeccionadas ao xadrez. Participaron persoas de diferentes idades e niveis, distribuídas nas categorías xuvenil e adulta, nun ambiente marcado polo respecto, a deportividade e a igualdade de oportunidades. A iniciativa nace coa vontade de promover un lecer inclusivo e demostrar que o xadrez é unha ferramenta capaz de favorecer a participación, o pensamento estratéxico e as relacións sociais entre persoas con e sen discapacidade.
Ao longo da tarde disputáronse as diferentes partidas, nas que as persoas participantes puxeron en práctica a súa capacidade de concentración, análise e estratexia, ao tempo que compartiron unha experiencia enriquecedora dentro e fóra do taboleiro.
Na categoría adulta, Armando proclamouse campión, seguido de Luís Medarde e Tristán. Na categoría xuvenil, o primeiro posto foi para Pura Diéguez, mentres que Mateo Dibuja e Néstor acadaron a segunda e terceira posición, respectivamente. Ademais, Martín Fernández recibiu o recoñecemento como mellor xogador local. As persoas premiadas recibiron os correspondentes trofeos e vales para consumir no comercio local.
Con esta cuarta edición, Algaria consolida o torneo "Xaque ó Emérito" como unha actividade de referencia na comarca da Limia, reafirmando o seu compromiso coa inclusión social, a igualdade e a promoción de actividades abertas á participación de toda a cidadanía.