Ambar mellora as instalacións do seu centro e impulsa o lecer inclusivo cos fondos da X Solidaria

A Asociación Ambar puido levar a cabo dous programas fundamentais para mellorar tanto a calidade das súas instalacións como a inclusión social das súas persoas usuarias. Foi posible a través dos fondos do 0,7% do IRPF achegados polas persoas que marcaron o recadro da X Solidaria cando realizaron a declaración da renda, fondos que xestiona a Xunta.

Por unha banda, desenvolveuse un programa de conservación das instalacións da fachada do centro que ten a entidade en Ribeira, co obxectivo de mellorar o estado da cuberta e eliminar as filtracións, así como ampliar a cuberta de acceso ao centro. As actuacións realizadas permitiron solucionar problemas estruturais de humidade, mellorar a accesibilidade e o confort dos accesos, e asegurar a conservación a medio e longo prazo das instalacións. En total, beneficiáronse 89 persoas usuarias, cunha valoración moi positiva tanto por parte do equipo técnico como das persoas participantes.

Por outra banda, desenvolveuse tamén o programa de lecer, cultura e deportes inclusivos, cun enfoque centrado na promoción da inclusión social. A través de actividades deportivas e de lecer, como vela, fomentouse a convivencia con outros axentes da comunidade, a creación de relacións sociais e o apoio mutuo. Este proxecto xurdiu para impulsar a participación activa e autónoma das persoas na contorna. Participaron 23 persoas que puideron aumentar a súa autonomía e oportunidades de interacción social.

Galería de imaxes

Todas
|
Ambar
|
IRPF
|
Movemento Asociativo