Anxo Queiruga: “a atención temperá non é un gasto, é un investimento produtivo que fomenta a solución de moitos problemas que se dan ao longo da vida das persoas”

O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, participou, xunto ao alcalde de Poio, Ángel Moldes, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, na presentación do primeiro Congreso de Atención Temperá celebrado no Pazo de Besada do Concello de Poio.

Co título “Medrando en familia, como apoiar o desenvolvemento infantil”, nesta xornada abordouse a atención temperá dende diferentes ámbitos de actuación como a sanidade, os servizos sociais, a educación e a familia, e ofrecéronse ferramentas prácticas para apoiar o desenvolvemento infantil dende un enfoque próximo e accesible.

Durante a intervención, Anxo Queiruga puxo en valor a importancia de traballar no desenvolvemento coas nenas e nenos de 0 aos 6 anos, destacando o papel relevante que teñen as familias e as persoas coidadoras no desenvolvemento integral no seu contexto habitual. “A atención temperá non é un gasto, é un investimento produtivo, xa que fomenta a solución de moitos problemas que se dan ao longo da vida das persoas”, dixo.

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, aproveitaba a súa asistencia para anunciar que dende a Xunta vaise convocar unha nova orde de axudas aos concellos para o mantemento e creación de oito novas unidades de atención temperá que se unen “ás máis de 50 en funcionamento na actualidade, que prestan atención a 200 municipios e a máis de 6.000 familias”.

A unidade de atención temperá do concello de Poio púxose en marcha hai menos dun ano e medio e xa atendeu a un cento de menores do municipio. “Deixou de ser unha aposta municipal para converterse nun servizo esencial para cen familias de Poio”, explicaba o Alcalde quen engadía, “estamos moi orgullosos por todo o que implica, por todos os avances que se conseguen nos menores en moi pouco tempo”.

Tras a inauguración, a psicóloga especializada en Atención Temperá e coordinadora da unidade de Poio, Sonia Limés, abriu o programa de intervencións. A continuación participaron Laura Arias, especialista en Pediatría e Neuropediatría; Rosa Freire, traballadora social de Poio; Ana Martín-Serrano, nai dun neno autista e creadora de La Monda, unha marca galega especializada en prendas adaptadas, complementos funcionais e ferramentas deseñadas para persoas neurodiverxentes; e Nerea Díaz, mestra de Educación Infantil especializada en pedagoxías activas e innovación educativa.

A xornada concluíu cunha mesa redonda aberta á participación das familias asistentes, favorecendo o intercambio de experiencias e reflexións arredor dos retos e oportunidades da atención temperá.

Durante a celebración do congreso, o Concello de Poio ofreceu ademais un servizo gratuíto de monitorado infantil para facilitar a conciliación das familias participantes.

Galería de imaxes

Todas