O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, fixo un percorrido polos 35 anos de traxectoria da Organización durante o seu discurso inaugural na gala do Aniversario, ante un auditorio de preto de 800 persoas. Lembrou os primeiros pasos da Confederación “dende un piso alugado no Milladoiro” ata consolidarse como unha entidade con puntos de atención nas sete cidades galegas.
Ao longo da súa intervención, repasou o amplo catálogo de servizos que COGAMI ofrece actualmente: atención temperá, servizos de información e asesoramento, centros de día e ocupacionais, formación e emprego, asistencia persoal, accesibilidade, préstamo de axudas técnicas, lecer, apoio ás entidades membro e participación a través da rede de voluntariado.
Aproveitando a presenza de representantes de todos os niveis da administración pública, Queiruga fixo un chamamento á aprobación dunha Lei Galega do Terceiro Sector de Acción Social e Diálogo Civil, que permita “regular a participación das entidades coas Administracións Públicas, buscar espazos de traballo en común e marcar cales son as regras da colaboración”.
“Que se teña en conta que as entidades non só somos xestoras de servizos, senón que temos que participar plenamente na planificación, desenvolvemento e xestión das decisións que nos afectan”, afirmou. En materia laboral, destacou os avances conseguidos nos últimos anos pero advertiu que “falta dar o salto para que as persoas con maiores dificultades poidan acceder a un emprego nunha contorna cada vez máis competitiva”, lembrando que o colectivo segue rexistrando taxas de inactividade e paro moi superiores á media da poboación.
Con respecto aos centros especiais de emprego, Queiruga subliñou que “naceron para dar oportunidades laborais ás persoas con discapacidade, o que é moi distinto a empregar a persoas con discapacidade para obter beneficios”, polo que instou a revisar o modelo actual.
O presidente tamén quixo chamar a atención sobre a situación das persoas institucionalizadas, cualificando de “absolutamente inaceptable” que se manteñan en illamento e exclusión. Lembrou ademais a múltiple discriminación das mulleres e nenas con discapacidade, especialmente vulnerables ante situacións de acoso, e mencionou as dificultades do colectivo LGTBI+ cando se suma o factor da discapacidade.
“Quería aproveitar a ocasión para poñer en evidencia as situacións que todas e todos coñecemos, e que conxuntamente temos que solucionar. Non imos conseguilo dun día para outro”, concluíu Queiruga, facendo tamén referencia a problemas persistentes como os copagos e a falta de accesibilidade universal.