As entidades do Terceiro Sector poñemos en valor o papel esencial que xogamos na sociedade #OrgulloTerceiroSector

EAPN Galicia, entidade da que forma parte COGAMI, lanza a campaña #OrgulloTerceiroSector para reivindicar o labor das entidades sociais como un dos axentes fundamentais na transformación social e na prestación de servizos sociais, acceso ao emprego ou a vivenda.

O escaso coñecemento súmase a existencia de prexuízos cara ao traballo das entidades que conforman o Terceiro Sector e ao que non se considera como un axente económico esencial que crea emprego e riqueza. Resultado desta idea son as discriminacións nalgunhas convocatorias, nas que non se teñen en conta as características das entidades sociais e os perfís cos que se traballa.

O Terceiro Sector: xerador de emprego e riqueza

As entidades do Terceiro Sector de Acción Social son un axente máis do sistema de servizos sociais, de emprego, acceso a vivenda, sanidade etc. Caracterízanse por unha atención individualizada e integral, poñendo o foco na persoa, respectando tempos de intervención e as súas casuísticas. O sistema de traballo nos servizos sociais, pola súa idiosincrasia, non posibilita esta atención centrada na persoa, como si o fan as entidades do Terceiro Sector.

O "Barómetro del Tercer Sector de Acción Social, en España 2024" publicado pola Plataforma de ONG de Acción Social revelou que o Terceiro Sector move máis do 2% do PIB en España, traducidos en máis de 19 mil millóns de euros que ingresa anualmente este sector.  Segundo este estudo, realizáronse 47 millóns de intervencións no ano 2023.

Así mesmo, o Terceiro Sector contribúe na xeración de emprego: neste último ano máis de 600.000 persoas estiveron empregadas e 1,4 millóns traballaron de forma voluntaria.

Achegar o Terceiro Sector á cidadanía

O Terceiro Sector é un dos grandes descoñecidos na sociedade en xeral. Mostra disto, atopámolo nos vídeos que lanzamos polas redes sociais. Pequenas pezas audiovisuais que evidencian o escaso coñecemento da cidadanía a través de entrevistas a persoas escollidas aleatoriamente pola rúa. As respostas da cidadanía son un claro exemplo da visión paternalista e voluntaria das ONGs que segue a estar moi estendida na nosa sociedade. 

Con esta campaña preténdese derribar estes mitos, mostrando o traballo fundamental das entidades sociais. Da man das persoas traballadoras e participantes, proporcionarase información veraz e rigorosa do seu labor social. A nosa Rede técena entidades como: Accem, Acción contra a Fame, Asemblea de Cooperación pola Paz, AGARESO (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social), Arela, Asociación de Empresas de Inserción de Galicia - AEIGA, Asociación de Migrantes de Galicia – AMIGA, Asociación para a prevención e a educación social - APES, Axuda en Acción, Federación Autismo Galicia, Boa Vida Inclusión Activa, Cáritas Lugo, Cáritas Mondoñedo-Ferrol, Cáritas Ourense, Cáritas Tui-Vigo, CDR O Viso, CDR Portas Abertas, Dano Cerebral Galicia, Down Galicia, Fundación ECCA Social, Ecos do Sur, Emaús Galicia, Fundación Amaranta, Fundación Érguete Integración, Fundación Esplai, Federación Alzheimer Galicia - FAGAL, Hogar Sí, Fundación JuanSoñador, Fundación Meniños ,Fundación Ronsel, Fundación Secretariado Gitano, Igaxes, Médicos do Mundo, Movemento pola Paz, o Desarme e a Libertade (MPDL), ONG Mestura, Poten100mos, Provivienda e Saúde Mental FEAFES. 

Malia traballar con distintos grupos poboacionais en situación de vulnerabilidade, todas elas teñen presente a causa común: a defensa pola igualdade, os dereitos e a xustiza social. Sempre dende un enfoque centrado na persoa como protagonista e dona da súa propia evolución persoal. 

Galería de imaxes

Todas
|
Orgullo Terceiro Sector