As entidades sociais non custan: producen. COGAMI presenta o seu valor social con datos


As entidades sociais non representan un gasto para as arcas públicas: son un investimento que retorna á sociedade con creces. Esta é a mensaxe central coa que COGAMI presenta, os datos do seu impacto social, unha práctica que mantén dende hai sete anos co obxectivo de ofrecer transparencia plena sobre o uso dos recursos públicos que recibe.

Os números falan por si sós. Por cada euro que COGAMI destina á prestación dos seus servizos, xéranse 1,72 euros de valor na contorna inmediata, contribuíndo ao desenvolvemento económico e social dos territorios nos que opera. O dato máis revelador é o do retorno á Administración Pública: cada euro recibido das institucións convértese en 9,37 euros de beneficio para a sociedade, multiplicando case dez veces o investimento inicial.

Este retorno materialízase na creación de postos de traballo, no ofrecemento de servizos de proximidade, inclusión social, apoio directo ás persoas con discapacidade e ás súas familias, cohesión territorial e fortalecemento do tecido comunitario. Un impacto que resulta especialmente relevante en ámbitos onde os recursos son máis escasos.

Para COGAMI, medir e comunicar este impacto é tamén un exercicio de responsabilidade e compromiso coa cidadanía. Investir en entidades como esta equivale a apostar por unha sociedade máis xusta, máis inclusiva e máis eficiente, onde os recursos públicos se transforman en valor social real, sostible e compartido.

Galería de imaxes

Todas