Durante o ano 2024, o centro de atención diúrna que COGAMI ten en Fingoi (Lugo) deu un paso máis na mellora da calidade da atención individualizada ás persoas usuarias, coa creación de tres novos despachos. Esta ampliación responde ao incremento da oferta de servizos, tras a acreditación dos Servizos Sanitarios de Logopedia, Fisioterapia e Terapia Ocupacional, así como a posta en marcha do Programa de inserción laboral Máis Emprego que cofinancian Fundación “la Caixa” e FSE+.
A incorporación de novos profesionais a través deste programa fixo necesaria a adaptación de espazos xa existentes no centro, co obxectivo de garantir un entorno adecuado para unha atención personalizada e de calidade.
As obras de adecuación foron financiadas cos fondos procedentes do 0,7 % do IRPF das persoas contribuíntes que marcaron o recadro da X Solidaria na declaración da renda e que xestiona a Xunta de Galicia.
Con esta actuación, o centro de Fingoi consolida o seu compromiso cun modelo de atención integral centrado na persoa, promovendo o benestar e a autonomía das persoas usuarias.