COGAMI abría no mes de setembro do ano 1993 unhas instalacións en Lugo para atender as necesidades das persoas con discapacidade e familias e dirixir servizos especializados cara a elas, co fin de mellorar a súa autonomía e calidade de vida.
Seguindo a estratexia de mellora da sostibilidade que pretende seguir COGAMI e que recolle no seu plan estratéxico para os vindeiros catro anos, o centro foi realizando obras de mellora de eficiencia enerxética e de respecto co medio ambiente, coa instalación de 32 paneis fotovoltaicos e 2 inversores para a produción de enerxía eléctrica para o autoconsumo.
Outra mellora na iluminación está relacionada co cambio de toda a instalación luminaria do centro, tanto a interior como a da zona do xardín exterior, substituíndo as lámpadas anteriores por LED acompañados de sensores de presencia e automatismos para mellorar a calidade da iluminación e a eficiencia.
As instalacións do centro tamén foron melloradas tras acondicionar a carpintería exterior, substituíndo as ventás e galerías que non cumprían a eficiencia enerxética por outras de ponte térmico e vidros de baixa emisión que melloran tanto o confort térmico como os acústicos.
Pensando nas persoas usuarias do centro de día, o centro de COGAMI en Fingoi dotouse tamén dun cambiador inclusivo, un concepto innovador de sanitario accesible que respecta e se adapta ás discapacidades das persoas, especialmente aquelas con necesidades de asistencia, podendo cubrir as necesidades básicas para o aseo persoal que actualmente os baños accesibles estándar non están satisfacendo.
Todas estas melloras levadas a cabo no centro que COGAMI ten en Lugo foron financiadas con fondos achegados do 0,7% do IRPF, procedentes de todas aquelas persoas que marcaron o recadro 106 de proxectos sociais na declaración da renda, e que xestiona a Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia.