O vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, e a coordinadora do centro que a entidade ten en Ferrol, María Aneiros, acompañaron á delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, durante a visita realizada ao curso de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais que se está impartindo na sede da Confederación. Trátase dunha das accións formativas para persoas desempregadas (AFD) que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración apoia a través da convocatoria 2025-2026.
Este curso, que imparte COGAMI, forma parte das 33 accións AFD que se están a desenvolver neste momento en 12 entidades das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, segundo informou a delegada territorial. Conta cunha duración superior ás 500 horas formativas e nel participan 13 alumnas e alumnos procedentes dos concellos de Mugardos, Narón, Ferrol, Fene e Pontedeume.
Durante a visita, Martina Aneiros destacou que estes cursos AFD “ofrecen unha oportunidade de mellora das competencias profesionais e de acceso ao mercado laboral, combinando formación teórica con prácticas en empresas”, subliñando o papel fundamental de entidades como COGAMI na inserción laboral das persoas desempregadas.