Asotrame reafirma o seu compromiso coas familias oncolóxicas a través das súas vivendas de estadía temporal  


Un total de dezaseis pacientes oncolóxicos e familiares beneficiáronse ao longo do 2025 das vivendas de estancia temporal que ofrece a asociación Asotrame. Este recurso gratuíto, incluído no “Programa de Atención social, asesoramento e intervención I” contou con fondos procedentes do 0,7% do IRPF que xestiona a Consellería de Política Social e Igualdade.

A asociación dispón de dúas vivendas de estadía temporal que pon a disposición de persoas enfermas de cancro e familiares desprazadas da súa localidade para recibir tratamento no CHUAC (A Coruña) e do Hospital Clínico (Santiago), dous dos centros sanitarios de referencia en Galicia en materia de transplantes de medula ósea e terapias avanzadas.

A achega, enmarcada na subvención destinada á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación económica do 0,7% do IRPF e do imposto de sociedades, permite facer fronte a parte dos gastos de persoal do equipo de atención psicosocial (psicóloga e traballadora social) que a asociación pon a disposición das persoas usuarias das dúas vivendas.   

As dúas profesionais asumen durante a estancia dos hóspedes, e aínda despois, un labor de soporte emocional e de acompañamento na realización de trámites administrativos e sociais. Polo tanto, o recurso encádrase na liña de “actuacións de promoción da autonomía persoal e apoio de persoas con discapacidade”.

Asotrame activaba a súa primeira vivenda de estancia temporal para pacientes oncolóxicos no 2017, buscando así ser útil e contribuír a mellorar no posible a calidade de vida das persoas con cancro hematolóxico (leucemias, linfomas, mieloma múltiple…) de toda Galicia, moitas delas con discapacidade orgánica, e a dos seus familiares coidadores.

Galería de imaxes

Todas