AVEMPO estrea servizo de Neuropsicoloxía para mellorar a autonomía das persoas con esclerose múltiple

Entre un 40 % e un 60 % das persoas afectadas pola esclerose múltiple experimentan distintos graos de deterioro cognitivo, principalmente na atención, na memoria, na velocidade de procesamento ou nas funcións executivas. Trátase de alteracións que, malia seren en moitos casos invisibles, teñen un impacto directo na vida cotiá e na autonomía persoal.

Ante esta situación, a Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (AVEMPO) vén de iniciar un novo servizo de Neuropsicoloxía co obxectivo de dar resposta á alta prevalencia destas dificultades cognitivas e contribuír a mellorar a independencia das persoas asociadas.

O novo departamento estará coordinado por Tania Franco, neuropsicóloga e terapeuta, quen se encargará de impartir sesións de rehabilitación cognitiva individualizada e personalizada. A través deste acompañamento profesional, as persoas usuarias poderán traballar as súas dificultades específicas e adquirir ferramentas para afrontar con maior seguridade e eficacia os retos do día a día, reforzando así a súa calidade de vida e participación social.

Galería de imaxes

Todas