Balance da Comisión Sociosanitaria de COGAMI: incidencia política, diálogo e defensa de dereitos

A Comisión Sociosanitaria de COGAMI continuou co seu labor de apoio e acompañamento ás entidades do movemento asociativo, atendendo consultas relacionadas con queixas e reclamacións no ámbito sanitario, revisión e achegas á lexislación e aos procedementos vixentes, así como á resolución de incidencias nas entidades orgánicas. Este traballo complétase cunha relación permanente coa Consellería de Sanidade e con outras entidades que desenvolven e executan programas de carácter sociosanitario.

Entre as accións máis destacadas do ano sobresaen as reunións mantidas coa Consellería de Sanidade para abordar as dificultades de financiamento dos proxectos das entidades orgánicas. Froito deste diálogo institucional consolidouse a continuidade do convenio de apoio á recuperación integral das persoas con discapacidade orgánica, considerado clave para garantir unha atención adecuada e sostible.

A Comisión Sociosanitaria participa activamente en numerosos órganos de representación e grupos de traballo, como os Consellos Asesores de Pacientes das sete áreas sanitarias e tamén no ámbito autonómico do SERGAS. Así mesmo, forma parte de diferentes grupos de traballo de COCEMFE, centrados na cronicidade, na coordinación sociosanitaria, no ámbito psicosocial, nos dereitos sexuais e reprodutivos e no acceso a recursos e servizos para a vida independente, especialmente no medio rural. A nivel institucional, a entidade integra tamén a Comisión de Sanidade do CERMI Galicia e do CERMI Estatal, e participa no Consello Reitor do Instituto de Investigación Galicia Sur.

Ao longo do ano, mantivéronse reunións con distintos órganos do Sergas, como Asistencia Sanitaria, a Xerencia e a Subdirección de Farmacia Hospitalaria. Ademais, participou en grupos focais e proxectos de investigación, como a enquisa de avaliación de tecnoloxías sanitarias en colaboración coa ACIS, cuxos resultados foron presentados no congreso mundial de HTAi, ou a elaboración dunha enquisa a pacientes hospitalizados xunto ao Sergas e á Universidade de Santiago de Compostela.

No eido lexislativo, a Comisión revisou diferentes anteproxectos e decretos do ámbito sanitario, poñendo especial atención ás incidencias detectadas na posta en funcionamento do novo baremo de valoración da discapacidade, unha cuestión que afecta de maneira transversal á organización e ao conxunto do movemento asociativo sociosanitario.

En canto ás accións de sensibilización, as entidades integradas en COGAMI participaron activamente na campaña do Día Mundial da Seguridade do Paciente, celebrada o 17 de setembro, difundindo nas redes sociais as demandas comúns en relación cos equipos de valoración e alertando da tendencia á baixa na concesión do grao de discapacidade. A isto sumouse a campaña específica sobre o baremo de valoración, desenvolvida con todo o movemento asociativo de COGAMI, que incluíu o envío de cartas aos equipos de valoración de orientación (EVO) de toda Galicia e un escrito á Valedora do Pobo denunciando as esperas cada vez máis longas que afrontan as persoas con discapacidade para acceder a unha valoración.

Galería de imaxes

Todas