Ata Rianxo desprazouse o equipo do servizo de Promoción da Autonomía Persoal de COGAMI para participar na Semana da Diversidade que está a desenvolver o centro educativo IES ‘Félix Muriel’.
COGAMI, xunto a Asociación de Saúde Mental a Creba e Fundación Down Compostela, realizou unha xornada de sensibilización co alumnado sobre a discapacidade e tamén para visibilizar o traballo que as tres entidades sociais desenvolven a favor da inclusión.
Durante a xornada realizouse unha presentación ao estudantado de 2º da ESO, ao que se lle explicou os tipos de discapacidade (física, cognitiva e sensorial). Posteriormente, saíron ao patio escolar para realizar unha actividade participativa que consistiu nun circuíto en cadeira de rodas para que o alumnado se puxera no lugar dunha persoa con mobilidade reducida.
Ao mesmo tempo, a asociación A Creba traballou con alumnado de 4º da ESO nun obradoiro de creación de chaveiros artesanais e dende a Fundación Down Compostela amosaron o labor que desenvolve esta entidade, rompendo cos estereotipos que existen sobre as persoas con Síndrome de Down.