COGAMI abre a inscrición para os cursos do programa Máis Emprego en Ferrol

Dirixido a persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, Máis Emprego ofrece formación adaptada ás demandas laborais das empresas da zona.


A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) inicia en Ferrol unha nova edición do programa Máis Emprego destinado á inserción sociolaboral de persoas con discapacidade ou incapacidade laboral. Ademais de Ferrol, este programa tamén se desenvolve nos puntos que COGAMI ten en Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Para este primeiro semestre, en Ferrol están programados os cursos de:

Operario/a en limpeza

Conserxería con tarefas administrativas

Caixa e reposición

Carretilla elevadora

Estas formacións foron deseñadas tras avaliar as demandas reais das empresas da zona, garantindo que os participantes adquiran competencias directamente vinculadas ao mercado laboral.

O programa Máis Emprego está financiado por Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo Plus, no marco de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita Contra a Pobreza 2021-2027. O seu obxectivo é promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación, a participación activa e a mellora da empregabilidade das persoas participantes.

Dúas técnicas en orientación laboral encárganse de seleccionar, orientar e capacitar ás persoas a través de itinerarios personalizados, formándose en habilidades e coñecementos demandados polas empresas, realizando labores de orientación, intermediación e prospección laboral, así como apoiando á persoa durante todo o proceso ata a inserción laboral.

Resultados do programa Máis Emprego

Dende o seu inicio en 2024, Máis Emprego formou 131 persoas con discapacidade ou incapacidade laboral, das que 99 participaron en algún dos 8 cursos impartidos ademais de obradoiros de competencias transversais, e 55 persoas lograron inserción laboral tralo paso polo programa.

Entre as accións formativas destacan cursos de Carretilla elevadora, Conserxería con tarefas administrativas con prácticas en empresa, Expendedor de gasolineira, Operario/a de limpeza con prácticas en empresa, Atención ao cliente, Manipulador de alimentos, Primeiros auxilios e Control de accesos. Ademais, realizáronse obradoiros de Competencias dixitais, Habilidades sociais para o ámbito laboral e Preparación de entrevistas de traballo.

COGAMI anima ás persoas interesadas a inscribirse nos cursos do programa Máis Emprego e aproveitar esta oportunidade para adquirir formación práctica, mellorar a súa empregabilidade e acceder ao mercado laboral cun acompañamento especializado.

Galería de imaxes

Todas