As instalacións que COGAMI ten en Ferrol son obxecto dunha importante mellora a través do proxecto de renovación de carpintería exterior que se está a levar a cabo. As actuacións consisten na substitución das dezasete ventás por outras novas equipadas con dobre vidro de 4mm e cámara, o que vai supoñer unha mellora nos illamentos térmico, sonoro e na redución de humidade.
Este proxecto, financiado a través dos fondos do 0,7% do IRPF destinados a actividades de interese social, que xestiona a Xunta de Galicia, e coa colaboración da Deputación de A Coruña, responde á necesidade de mellorar as condicións de confort tanto para as 10 persoas usuarias servizo de atención diúrna, como para as persoas traballadoras que utilizan as instalacións e o resto das máis de setenta persoas que cada día acoden aos servizos de promoción da autonomía persoal, emprego, formación, sensibilización, información e orientación.
Ademais das melloras estruturais, o proxecto terá un impacto directo na eficiencia enerxética, nun contexto de crise climática e enerxética, contribuíndo a reducir o consumo de enerxía e a mellorar o benestar no centro.
Este investimento inclúe tamén a renovación dun vehículo adaptado destinado ao servizo de transporte do centro, o que permitirá estabilizar as rutas de transporte, especialmente nas zonas rurais de Ferrol, Narón e Valdoviño. De luns a venres acoden en transporte adaptado as persoas usuarias do centro ocupacional e de atención diúrna para asistir aos servizos de terapia ocupacional, fisioterapia, reforzo de habilidades básicas, actividades de lecer e tempo libre, ademais de formativas.
Outras das melloras foi a adquisición de 16 ordenadores para a aula de formación na que se imparten cursos dirixidos ao emprego de persoas con discapacidade ou incapacidade laboral para profesión habitual.
Estas melloras son fundamentais para garantir que as persoas con discapacidade da zona poidan acceder a servizos de calidade en condicións óptimas, promovendo a súa autonomía e benestar.