A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, asinaron un convenio de colaboración en materia de acción social, nun acto no que tamén estiveron presentes María Lorenzo, concelleira de Benestar Social, e María Aneiros, coordinadora da oficina de COGAMI en Ferrol.
Este convenio contempla unha achega económica de 6.000 euros que será destinada ao mantemento dos servizos que COGAMI presta na comarca de Ferrolterra. Estes servizos céntranse na atención especializada a persoas con discapacidade en situacións de exclusión social, desemprego, baixos recursos económicos ou illamento social.
Entre os principais servizos, destaca o de Emprego, que proporciona información e asesoramento individualizado para mellorar a participación social e a autonomía das persoas beneficiarias. Actualmente, na base de datos de COGAMI figuran 516 persoas procedentes do concello de Narón, das cales 33 se incorporaron este ano. Ademais, das 197 persoas que lograron unha inserción laboral na comarca, 40 pertencen ao municipio de Narón.
Con este acordo, o Concello e COGAMI refórzanse como aliados na loita pola inclusión social e laboral das persoas con discapacidade, promovendo unha sociedade máis igualitaria e xusta.