COGAMI asiste á posta en marcha do primeiro refuxio inclusivo de praia en Porto do Son

O vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, asistiu xunto coa presidenta da asociación Ámbar, Milagros Rey, á presentación do primeiro refuxio inclusivo instalado na praia do Cruceiro de Porto do Son. O acto estivo presidido pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e contou tamén coa presenza do alcalde de Porto do Son, Luis Oujo.

Este proxecto piloto constitúe un novo paso cara a unhas praias máis accesibles e inclusivas. O refuxio intégrase na contorna e incorpora elementos que facilitan o seu uso para todas as persoas, como accesos libres de barreiras arquitectónicas, espazos amplos que permiten a mobilidade de persoas usuarias de cadeiras de rodas e sinalización adaptada táctil. A iniciativa terá continuidade coa instalación doutros dous refuxios inclusivos nos areais de Baiona e Viveiro, ampliando así esta rede de espazos accesibles no litoral galego.

COGAMI ademais de participar na presentación desta actuación, tamén colaborou durante o seu desenvolvemento a través do seu Servizo de Accesibilidade, que prestou asesoramento técnico para garantir que o deseño e a execución do proxecto cumprisen cos principios da accesibilidade universal.

A creación destes refuxios representa un avance na eliminación de barreiras nos espazos públicos e contribúe a que as persoas con mobilidade reducida poidan gozar das praias en condicións de maior seguridade, comodidade e autonomía, dispoñendo de zonas de sombra, acceso mediante pasarelas e espazos adaptados ás súas necesidades.

Galería de imaxes

Todas