O Servizo de Emprego que COGAMI ten en Ferrol está a organizar novas accións formativas gratuítas dirixidas a persoas con discapacidade ou incapacidade laboral da comarca. Con esta oferta formativa preténdese mellorar as oportunidades de inserción laboral das persoas participantes.
Entre os cursos que están previstos destacan: o curso de Conserxería con tarefas administrativas, un dos máis demandados polas persoas que forman parte da bolsa de emprego de COGAMI; o curso de Expendedor/a de combustible, orientado ao sector de servizos e o curso de Operario/a de almacén con carretilla elevadora, enfocado ao ámbito loxístico.
As persoas interesadas en participar nalgunha destas formacións poden contactar coa oficina de COGAMI en Ferrol para reserva de praza a través do teléfono 981 325 568 ou do correo electrónico silferrol@cogami.gal.
Segundo datos que manexa COGAMI, o 40% das persoas que se forman nos cursos que imparte a Confederación logra a inserción laboral.