COGAMI busca persoas interesadas en formarse como auxiliar de servizos administrativos en Ferrol

COGAMI busca persoas interesadas en formarse como auxiliar de servizos administrativos en Ferrol

COGAMI ten programado un curso de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais de nivel 1 que vai impartir en Ferrol, nas instalacións que COGAMI ten na cidade (rúa Sánchez Calviño, nº56-58), con data de inicio o 22 de xaneiro e de remate o 6 de xuño.

As persoas que queiran participar nesta formación, ademais de estar en situación de desemprego, teñen que ter en posesión o certificado de discapacidade ou o certificado de incapacidade laboral para a profesión habitual que outorga a Seguridade Social. Para reservar praza, é preciso contactar co servizo de Emprego de COGAMI chamando ao teléfono 981 325 568 ou a través do correo electrónico silferrol@cogami.gal.

Esta formación, que contén a posibilidade de ter unha beca de asistencia ou desprazamento, contará cun total de 408 horas lectivas coa posibilidade de realizar 40 horas de prácticas en empresas da comarca. Desenvolveranse en horario de tarde, de 16 a 21 horas, e algúns dos contidos que van ser impartidos tratarán sobre técnicas administrativas e básicas de oficina, operacións básicas de comunicación e reprodución e arquivo.

Esta formación está englobada no Plan formativo para o emprego da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2023-2024, financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.