O Concello de Santiago vai leva a cabo a mellora da accesibilidade de catorce puntos da cidade para a eliminación de incidencias na vía pública que dificultan a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida. Para levar a cabo este proxecto, o Concello de Santiago contactou coa área de Accesibilidade de COGAMI.
Dende COGAMI, en colaboración cun estudo de arquitectura de Santiago, trasladóuselle ao consistorio unha análise das incidencias en materia de barreiras arquitectónicas na cidade, algunhas delas xa estaban rexistradas polo propio municipio, outras foron recollidas a través da aplicación de móbil AccesibilidApp e outras foron trasladadas directamente a COGAMI por persoas con mobilidade reducida.
Entre as intervencións que se van realizar, producirase a demolición de pavimentos e bordos, escavación de terreos e recheos, nivelación con formigón e pavimentación de beirarrúas, elevación de pasos de peóns e instalación de novos sumidoiros, nova pavimentación podotáctil, retirada de sinalización e recolocación e colocación de varandas.
Actuarase en pasos de peóns e itinerarios peonís nos seguintes puntos: rúa do Río, xunto ao cruzamento coa rúa do Lavadoiro; rúa do Lavadoiro, xunto á Escola Infantil Municipal de Meixonfrío; cruzamento da rúa do Avío, rotonda superior da rúa; paso de peóns na rúa do Avío; cruzamento da rúa dos Irmandiños; paso de peóns e praza do aparcadoiro na rúa dos Xasmíns, cruzamento coa ruela da Estila; cruzamento das rúas de Betanzos e de Proxecto Vagalume, acceso ao CEIP Apóstol Santiago; paso de peóns na rúa de Betanzos, xunto ao camiño peonil cara á rúa de Tomiño; cruzamento da avenida Qurioga Palacios e Costa do Vedor; cruzamento na rúa Gómez Ulla, cruzamento coa rúa do Hórreo; paso de peóns na rúa do Outeiro do Sar, cruzamento coa rúa de Dublín; paso de peóns na rúa de Dublín, xunto á Costa do Vieiro; rúa de Berlín, entorno do acceso ao Centro Comercial Área Central; rúa de Varsovia, pasos de peóns no entorno de acceso ao Centro Comercial Área Central.