COGAMI colabora coa UDC nun proxecto piloto europeo que ofrece solucións tecnolóxicas a desafíos cotiáns

COGAMI foi unha das entidades que participou activamente na xornada de presentación do estudo piloto do proxecto europeo Design2Freedom, convidada polo centro de investigación CITIC da Universidade da Coruña. Este proxecto, coordinado pola Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), fomenta metodoloxías e produtos inclusivos a través do traballo conxunto entre estudantes, persoas con discapacidade e profesionais de distintos ámbitos.

Durante dous meses, persoas usuarias do programa Autonomía+ que COGAMI desenvolve nas instalacións do CEGADI e tamén da entidade ASPACE Coruña, traballaron en equipos con estudantes de primeiro curso do Grao en Terapia Ocupacional para idear solucións tecnolóxicas a desafíos cotiáns, contando coa colaboración de profesorado e alumnado de Enxeñería, Educación, Logopedia e Traballo Social.

Na xornada de clausura, un xurado mixto formado por Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade do Concello da Coruña; Laura Nieto, docente e investigadora do CITIC da UDC; Jorge Liñares, usuario de ASPACE-Coruña ; e Ángela Labandeira, coordinadora del proyecto Autonomía+ del CEGADII, recoñeceu as solucións máis inclusivas e innovadoras presentadas.

Estudo europeo

Design2Freedom atópase en fase piloto en tres universidades europeas: Vilniaus Kolegija – VIKO (Lituania), Technicka Univerzita v Kosiciach – TUKE (Eslovaquia) e Universidade da Coruña – UDC (España). O obxectivo do proxecto é crear unha contorna de aprendizaxe inclusiva que capacite aos futuras e futuros profesionais para desenvolver produtos e servizos realmente centrados nas persoas.

Proxectos como este supoñen unha oportunidade para o grupo social das persoas con discapacidade porque trasladan a súa realidade a quen será o futuro da terapia ocupacional, coñecendo de primeira man os retos e necesidades do día a día.

Galería de imaxes

Todas