COGAMI colaborou no plan de accesibilidade presentado polo Concello de Viveiro

COGAMI colaborou no plan de accesibilidade presentado polo Concello de Viveiro

A tenente de alcaldesa do Concello de Viveiro, Míriam Bermúdez presentou o Plan de Mellora da Accesibilidade de Viveiro, e fíxoo acompañada de Álvaro García, coordinador da Área de Accesibilidade de COGAMI, Diego Piñeiro, técnico de COGAMI e Alejandro Rodríguez, arquitecto. Bermúdez iniciaba a presentación describindo o plan como “un paso fundamental para construír un municipio máis inclusivo, máis habitable e máis xusto para todas as persoas”.

Este documento foi elaborado por especialistas da área de Accesibilidade de COGAMI, con criterios técnicos claros para garantir a súa execución de maneira progresiva e efectiva. “Agradezo especialmente o traballo e a implicación de COGAMI neste proxecto, unha entidade referente na loita pola accesibilidade e a inclusión, así como a profesionalidade dos equipos técnicos que participaron na redacción do Plan”, indicaba a Tenente de alcaldesa, quen tamén publicamente quixo “recoñecer o esforzo e a boa coordinación do persoal municipal, sen o cal este traballo non sería posible”.

O Plan céntrase nos principais núcleos urbanos de Viveiro, Covas e Celeiro, onde se concentran os servizos e o maior volume de desprazamentos peonís. As actuacións priorizaranse segundo criterios técnicos e de impacto social, garantindo que os investimentos se traduzan en melloras reais para a veciñanza.

“Con este plan, o concello de Viveiro garante que todas as persoas, con independencia das súas capacidades, poidan desprazarse e gozar dos espazos públicos en igualdade de condicións”, aseguraba Míriam Bermúdez, quen finalizaba denominando esta actuación como “isto non é só unha cuestión de dereitos, senón tamén de xustiza social e de calidade de vida para toda a veciñanza”.