O Servizo de Emprego de COGAMI participou en Vigo nunha das xuntanzas semanais de networking organizadas por BNI España (Business Network International), unha organización que promove a creación de redes de colaboración entre empresas e profesionais.
O grupo no que participou COGAMI está integrado por arredor de 30 empresas, cunha representación por sector de actividade e coa premisa de non repetir sectores entre as entidades participantes. As xuntanzas teñen carácter habitual e permiten ás empresas compartir o traballo que desenvolven, coñecer os servizos e actividades do resto de participantes e establecer sinerxías que favorezan novas oportunidades de colaboración.
A participación de COGAMI produciuse a partir dunha invitación de BNI, que contactou coa organización para que presentase o seu labor durante un dos encontros. Nunha intervención dun minuto, COGAMI deu a coñecer o traballo que desenvolve no ámbito do emprego e os servizos que presta para favorecer a inclusión laboral das persoas con discapacidade.
A experiencia resultou “moi satisfactoria”, segundo explica a coordinadora de COGAMI en Vigo, Sandra Araújo, quen destaca que, ademais da presentación inicial, o encontro permitiu “manter conversas máis extensas para coñecer en profundidade aos participantes e as súas empresas”.
Para COGAMI, este tipo de encontros supón unha oportunidade para achegar o seu labor ao tecido empresarial, establecer novos contactos e explorar posibles vías de colaboración que contribúan a avanzar cara a un mercado laboral máis inclusivo.